21 abr 2010

O TESOURO DOS AVÓS



A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! realizou a través de Internet a XVI edición da xornada multimedia de comunicación interescolar o pasado venres 16 de abril. Esta xornada de comunicación xirou este ano arredor do tema O TESOURO DOS AVÓS e nós quixemos sumarnos a esta iniciativa dende noso proxecto Anacos da Nosa Memoria coa seguinte aportación:

14 abr 2010

CANTARES DE REIS

Na tradición oral galega atopamos os populares cantares de reis, que tiñan como un dos principais motivos recoller o aguinaldo dos veciños.

Tamén coñecidos como reises ou aguinaldos, os cantares de reis eran pequenas composicións que cantaban de porta en porta os habitantes dos lugares e parroquias, e que na súa meirande parte narraban a historia do nacemento do neno Xesús e a chegada dos reis Magos cos seus agasallos.

Estes cantares adoitaban ter tres partes: a petición de licenza para o canto, a cantiga propiamente dita e finalmente, a petición do aguinaldo, que normalmente consistía en doces ou diñeiro.

A Sra. Concepción de San Salvador, que se lembra moi ben deste costume, cántanos un deses cantares de reis e mesmo nos explica como solían pedir licenza para cantar:




CARTA Á COMUNIDADE EDUCATIVA

Queridos Pais/Nais/Titores,

Queremos escoitar (e ler) as vosas cantigas, contos, lendas, coplas, poesías, refráns, ditos, adiviñas, rimas de xogos... Tamén queremos escoitar e saber daqueles costumes, celebracións e labores do campo de antes: as mallas, as fías, as muiñadas, o Entroido...que ían asociadas aos labores do campo e que nos falan doutra sociedade que ata hai ben pouco existiu ... e que aínda se conserva na memoria dos máis vellos. Somos conscientes que as novas xeracións xa non temos coñecemento de moitas destas tradicións orais, máis seguro que os vosos pais, avós,... ou mesmo viciños de máis idade aínda lembran moitas.

Gustaríanos tamén que nos explicarades a que se xogaba, e con que
xogabades. Xogabades á billarda ou estornela? Faciades carros das vacas cos nabos? Ou acaso “gaitas” feitas de canas das xuncas? En fin, gustaríanos que esas mostras da tradición oral que todos e todas coñecedes aparezan aquí para que os/as nosos/as nenos/as poidan coñecelas e compartilas con nós e os/as seus/súas amigos/as. Nós queremos recollelas para non esquecelas.

Por iso pedímosvos que escribades neste libro-ficheiro, con letra moi clara, esa
cantiga, trabalinguas, conto… nunha das fichas que vos facilitamos. Cubride por favor os datos da ficha. No caso de que escribades un conto, animámosvos a que o fagades co/a neno/a e que o/a animedes a que faga un debuxo para ilustrar o que escribistes.
O libro-ficheiro deberá volver á Escola co/a neno/a na semana seguinte, coidando que non sufra estragos para podérmolo transmitir nas mellores condicións posibles.

Moitas grazas pola vosa colaboración

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística
(ENDL do CRA de Sta. Comba)