14 abr 2010

CARTA Á COMUNIDADE EDUCATIVA

Queridos Pais/Nais/Titores,

Queremos escoitar (e ler) as vosas cantigas, contos, lendas, coplas, poesías, refráns, ditos, adiviñas, rimas de xogos... Tamén queremos escoitar e saber daqueles costumes, celebracións e labores do campo de antes: as mallas, as fías, as muiñadas, o Entroido...que ían asociadas aos labores do campo e que nos falan doutra sociedade que ata hai ben pouco existiu ... e que aínda se conserva na memoria dos máis vellos. Somos conscientes que as novas xeracións xa non temos coñecemento de moitas destas tradicións orais, máis seguro que os vosos pais, avós,... ou mesmo viciños de máis idade aínda lembran moitas.

Gustaríanos tamén que nos explicarades a que se xogaba, e con que
xogabades. Xogabades á billarda ou estornela? Faciades carros das vacas cos nabos? Ou acaso “gaitas” feitas de canas das xuncas? En fin, gustaríanos que esas mostras da tradición oral que todos e todas coñecedes aparezan aquí para que os/as nosos/as nenos/as poidan coñecelas e compartilas con nós e os/as seus/súas amigos/as. Nós queremos recollelas para non esquecelas.

Por iso pedímosvos que escribades neste libro-ficheiro, con letra moi clara, esa
cantiga, trabalinguas, conto… nunha das fichas que vos facilitamos. Cubride por favor os datos da ficha. No caso de que escribades un conto, animámosvos a que o fagades co/a neno/a e que o/a animedes a que faga un debuxo para ilustrar o que escribistes.
O libro-ficheiro deberá volver á Escola co/a neno/a na semana seguinte, coidando que non sufra estragos para podérmolo transmitir nas mellores condicións posibles.

Moitas grazas pola vosa colaboración

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística
(ENDL do CRA de Sta. Comba)

No hay comentarios:

Publicar un comentario